Etiquetas

lunes, 8 de noviembre de 2010

Dura Nai Terra

   Érgome ás 7 h. menos cuarto da mañá. Aínda é noite.
Medio durmido, prepárome un café con leite e dubido se escoitar Alan Stivell ou ver a tele. Finalmente, por pura inercia, gaña a caixa tonta.
Entre sorbo e sorbo engulo as novas planetarias que para variar non son nada alentadoras.
Aparte do monotema da “crise” (froito dunha macroeconomía despilfarradora, agresiva e insolidaria) e as lerias dos políticos de turno, sorpréndenme outros acontecementos mundiais que foxen do control do homo sapiens.
Entre mordiscada e mordiscada na torrada con manteiga, desfilan diante dos meus ollos, conmovedoras imaxes vidas de Indonesia. Primeiro chegou o inesperado e salvaxe tsunami: centos de persoas arrincadas do seu leito por xigantescas ondas asasinas.
Despois veu a erupción do volcán Merapi. Na pantalla, un home en motocicleta deambula a duras penas nun espeso manto de cinza tóxica… corpos abrasados, vivendas arrasadas e un panorama fantasmal.
É a cara bruta da Nai Terra que arremete violentamente contra inocentes humanos sen previo aviso.
Seguidamente chegan imaxes de Haití, por certo, o país máis pobre de América: o cólera segando vidas de novo (danos colaterais ao fin e ao cabo da furia da cortiza terrestre).
Nun instante, aflórame ese sentimento de rabia e ata certo punto de nihilismo da adolescencia: “Se Deus existe ¿Por qué carallo, permite todo isto?”.
Máis tarde arremeto contra a Terra como fillo que se revela: “¿Por qué as túas belezas e bondades se tornan crueis contra as túas criaturas predilectas?” (facéndose inevitabel a influencia da bagaxe educacional antropocentrista recibida) e non podo evitar vela como se fose un neno malo que acerca un chisqueiro á entrada dun formigueiro para contemplar por pracer como se retorcen os desprotexidos insectos coa chama.
Finalmente, véñenme lembranzas da miña última viaxe á illa de Lanzarote… da fermosura da súa paisaxe volcánica, consecuencia sen dúbida algunha dunha oroxénese violenta. Recapacito e penso que quizais nada é gratuíto… a pesares de todo.
Dalgunha maneira, cando Nai Terra manifesta a súa furia non fai distincións, non outorga privilexios ao homínido máis evolucionado… de nada serve a tecnoloxía alcanzada nin os petrodolares.
Percibo agora ao Planeta como un ente vivo que latexa, que ten forza, que tamén se expresa en ocasións duramente con efectos secundarios indeseabeis… e vexo ao ser humano, pequeno, uno máis, en igualdade de condicións que calquera ser vivo.
E antóllaseme inxusto, prepotente e absurdo o “especismo” instaurado polo Home (e a Muller). Inxusto, o arrogante e desapiadado aproveitamento masivo de todas as manifestacións de vida animal e vexetal. Inxustas as irreversibeis secuelas producidas na biodiversidade planetaria e no proprio planeta, etc.
   Sae o Sol enormemente laranxa en medio da brétema, facendo sombras na montaña. A súa silueta, apórtame acougo.
Desconecto con desdén a caixa tonta, remato o meu café e antes de marchar cara o traballo, poño por fin o CD “Tir na Nog” de Alan Stivell…a vella melodía da terra da eterna xuventude.

No hay comentarios:

Publicar un comentario